Entradas

Mostrando las entradas con la etiqueta videos

ESTOMBALLADA

Esta canción paréceme para escoitar... estomballada !!! De seguro que moitos non sabedes o que quere dicir; e o de estomballada na veigha xa é...simplemente xenial! Presentárona ao A polo Ghit , que é unha especie de concurso no que se elixe a canción do verán. Na páxina que tedes enlazada podemos escoitar ou descargar todas as cancións que os/as artistas van colgando, e tamén votar a que máis nos guste. Pois nada, que teño unha idea para facer con esta canción que xa vos trasladarei a ver que vos parece, así que estes días estádeme atentiñ@s...e nada de estomballarse, que o curso logo remata!

CIRCO DO SOL

Na cumbre dun volcán oculto na frondosidade dun bosque misterioso e máxico, existe un mundo extraordinario...un mundo onde algo completamente diferente é posible: un mundo chamado Varekai . É un lugar fabuloso habitado por criaturas fantásticas. A palabra varekai significa "ondequeira" na linguaxe romaní dos xitanos, os eternos nómadas . Eu tiven a oportunidade de ir ver este espectáculo e quedeime marabillada: é unha conxución de acrobacias, bailes, poesía, música... e un vestiario impresionante. A música é en directo, cunha calidade e variedade de estilos que me deixou sorprendida. Se algunha vez tendes a opción de ver calquer espectáculo non o dubidedes. Este vídeo en concreto é o número final. Non é o meu preferido pero a vós vaivos gustar, penso eu.

CLEOPATRA STRATAN

Esta canción seguro que vos sona...foi un exitazo fai uns anos. Cleopatra é unha nena rumana que contaba con catro aniños cando conseguiu liderar vendas de discos e descargas co seu tema "Guita". Por unha banda é ben certo que resulta cando menos simpático vela...e escoitala, pero ao millor deberiamos reflexionar sobre se é "ético", ou incluso razonable, que unha nena desta idade sexa arrastrada a facer unha serie de cousas que van perturbar por completo a súa infancia. Polo que lin, ofreceu espectáculos de dúas horas, e por tal motivo o seu pai reclamaba que fose incluida no Libro Guinness. A vós gustaríavos vivir algo así? Pois nada, que agardo ansiosa a vosa opinión, nesta semaniña de lecer e tempo libre...

TROMENTELOS CHIS PUM

Preguntarédesvos que é isto... Tromentelos Chis Pum somos un grupo de amigos e amigas que nos xuntamos e FACEMOS MÚSICA . Comezamos hai darredor dun ano, e este vídeo é do noso primeiro concerto, o pasado agosto, en Melide. Como é de supoñer debutamos na nosa casa, pois en Melide temos o noso lugar de ensaio, e os nosos fans :-) Somos da comarca da Terra de Melide : Toques, Melide e Santiso (a miña terra), de Arzúa e de Agolada. Como podedes ver, contamos cunha variedade interesante de instrumentos: gaitas, acordeón, contrabaixo, clarinete, saxo e percusións. Este tema é unha rumba, chamada Rumba das sete e media . Agardo que vos guste!!!!!!

MÚSICA NA PUBLICIDADE

Imaxino que lembraredes anuncios tan orixinais como o do Ford Focus , no que a música xoga un papel fundamental; de feito o eslogan é "O instrumento perfecto". Neste caso que vos quero mostrar, trátase da interpretación do primeiro movemento da "Pequena serenata nocturna" de Mozart, con obxectos que se poden topar nunha oficina.

FACER MÚSICA CON TRES ANOS!!!

Cústame crer que esto non sexa outra animación... pero non o é!! Ten tres aniños, e polo que se ve moito talento.

O QUE SE PODE FACER CUNHAS COPAS...

Lembrades a harmónica de cristal ? Pois nestes vídeos podedes ver o que se pode facer coas copas de cristal que tod@s temos pola casa...é fascinante!! Preguntarédesvos por que soan de distinto xeito unhas das outras; pois ben, están minuciosamente afinadas dependendo, obviamente, da cantidade de auga que conteñen así como do seu tamaño. Encantaríame recomendarvos que probarades na casa...pero ao millor aos vosos pais non lle parece tan estupendo :-) A música obtida de instrumentos de cristal dise que se remonta á Antigua China. Pero non foi até o século XVIII, coa invención da harmónica de cristal como unha solución mecánica ao rudimentario modo de tocar as copas, cando obtivo certa sona. Compositores da talla de Glück, Beethoven ou Mozart compuxeron para a mesma. Este é o mesmo tema que escoitaramos coa harmónica de cristal, para que comparedes as dúas sonoridades. Este último é un dúo...pero que fenómenos!!como imaxinaredes, necesítanse moitas horas de ensaio para chegar a facer ist...

ARPA DE AUGA

Novamente achégovos un vídeo de animación. Neste caso trátase dunha " arpa de auga".

INSTRUMENTO FANTÁSTICO II

Vendo o éxito que suscitou esta entrada (cousa coa que contaba, claro) púxenme a buscar e topei outro par de vídeos que non lembraba ter visto. Este é máis relaxadiño, pero igual de bonito, ou non? Comeza coma o que xa coñeciamos pero ten un minuto e medio máis (o meu preferido) Teño que aclararvos que vai ser difícil mercar estes instrumentos...mantíveno en segredo porque paréceme que vos vai disgustar que sexa de "mentira". Son o produto dunha compañía chamada Animusic , que crea animacións musicais en 3D. Pero non por elo perde interese, penso eu, porque están realmente moi logradas. Aproveito esta entrada para agradecer os vosos últimos comentarios. Alédame moito que haxa novas incorporacións ao NOSO Blog.

NINA SIMONE

Este vídeo facilitoumo Elena Ramos (á que aproveito para agradecerlle o seguimento que fai do meu blog) e paréceme que pode gustarvos... .Vai tamén para as mamás e os papás que coñecen a Nina Simone e este gran tema seu, My baby yust cares for me A compañía Aardman Animations fundouse no Reino Unido nos anos 70. Ao longo deste tempo levaron varios Oscar tanto por curtas como por largometraxes ( Chicken Run ) que seguro coñecedes.

INSTRUMENTO FANTÁSTICO

É ben certo que a imaxinación non ten fronteiras... cousa que nós aplaudimos, pois permítenos pasar un anaco ben divertido. Xa me contaredes que vos parece... aínda que non sei que vou ter que facer para que vos animedes a escribirme. Xa sei!! a primeira ou primeiro terá un agasallo (musical, por suposto).

TAMBORES METÁLICOS (STEELDRUMS)

Imagen
Podedes ver unha pequena mostra do que se pode facer con este instrumento. Estou pensando mercar un para a nosa clase, e vós podedes contarme que vos parece. No enlace tedes información sobre o mesmo: a súa orixe, clasificación, materiais de construción... .

PELO GATO VINTE E CATRO

Este documento audiovisual foi creado pola Asociación de Gaiteiros Galegos e paréceme moi interesante para vós. Recolle xogos e cantigas tradicionais e éste ( Arao ) é un dos videoclips promocionais do disco .

AS NUBES VIAXEIRAS

Como xa sabedes, o ano pasado rodouse unha curtametraxe con nenos e nenas de cinco anos, chamada "As nubes viaxeiras". Por se hai algún despistado/a que aínda non a veu, aqui a ten. 1º parte da curtametraxe 2ª parte da curtametraxe 3ª parte da curtametraxe

UN INSTRUMENTO ORIXINAL

Imagen
Non nos deixará de sorprender todo o que se pode atopar pola rede. Aqui tedes un bo xeito de experimentar cos sons. hidraulófono

STOMP

Aqui tedes un dos moitos e interesantísimos vídeos de este grupo de fusión de danza e percusión . Mirádeo con calma porque vannos servir de fonte inspiración... .