27.5.09

ESTIVEN ESTOMBALLADA!!

Perdoade por non dar sinais de vida nesta semán, pero quedeivos estomballada...

Déixovos unha pequena mostra do que aqui acaeceu o xoves, para ir abrindo boca...foi estupendo!


19.5.09

XA DEBUTAMOS...

A pesares de non ter tempo para ensaiar, non nos foi nada mal, non?


Que boa idea o das linguas, estades auténticos... :-)

18.5.09

SEGUIMOS CO DE ESTOMBALLARNOS...

Estes días andamos a escoitar no cole unha música que non coñeciamos, que fala de "estompellarse" (verídico, nena de catro anos) ou algo así. É a cuña publicitaria na que participaron varios peques, mestras, persoal da limpeza, administrativo...
Non ten desperdicio!!

11.5.09

ESTOMBÁLLATE!!

Ben sabedes:

Estomballar v.p. 1. Deixarse caer [sobre algo] debido á fatiga, ó cansazo ou pola falta de ánimo. Chegou tan esgotado, que se estomballou nese sofá e quedou durmido. CF. tombarse. 2. Deitarse [un animal] no chan, dando voltas por el. Os porcos estomballábanse no curral. SIN. envorcallarse.

Xa vos adiantei que nos andaba na cabeciña facer algo con este temazo, e aí vos vai:
Imos gravar un videoclip que terá como protas a toda a comunidade educativa do noso cole; e cando digo toda, é toda: nais, pais, nenas, nenos, primos, tíos, mestras e mestres, avós e avoas, bisavoas e bisavós, tataravoas...a panadeira, a quiosqueira, o verduleiro... :-)
Porque para traballar non, pero para estomballarse...supoño que non teremos que porfiarvos.
Ide buscando roupa vella que se poida manchar de herba e vémonos a semán que vén!!

Continuará...
NUBES PRODUCIÓNS

29.4.09

LETRAS GALEGAS

QUEN PUIDERA NAMORALA...
É un tema precioso... unha poesía de Álvaro Cunqueiro á que lle puxo música Luis Emilio Batallán. Probade a escoitala cos ollos pechados...ou non!

LETRAS GALEGAS

Con motivo do día das Letras Galegas, que como ben sabedes son o dezasete de maio, imos preparar algo aqueles que estedes dispostos a sacrificar catro ou cinco recreos.
Penso que vos vai gustar a proposta...
Aquí tedes o audio do rap dun grupo chamado Dios ke te crew, que musicaron un poema da obra Longa noite de pedra de
Celso Emilio Ferreiro. Tamén vos poño a letra e así podédela ir mirando...

Deitado frente ao mar
Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque quero,
porque me gosta, me peta e dáme a gaña;
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai, a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
E non falo pra os soberbios,
e non falo pra os ruís e poderosos,
e non falo pra os finchados,
e non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non quero arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo,
Galicia, dóce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

28.4.09

ESTOMBALLADA

Esta canción paréceme para escoitar...estomballada!!! De seguro que moitos non sabedes o que quere dicir; e o de estomballada na veigha xa é...simplemente xenial!
Presentárona ao
A polo Ghit, que é unha especie de concurso no que se elixe a canción do verán. Na páxina que tedes enlazada podemos escoitar ou descargar todas as cancións que os/as artistas van colgando, e tamén votar a que máis nos guste.

Pois nada, que teño unha idea para facer con esta canción que xa vos trasladarei a ver que vos parece, así que estes días estádeme atentiñ@s...e nada de estomballarse, que o curso logo remata!

27.4.09

TRECE LÚAS


Aínda non tiven a oportunidade de miralo, pero promete. Este último traballo da AGG é un libro-CD-DVD, no que se fai unha viaxe no tempo, cunha canción por cada mes.

Xa vos contarei!!!!!!!!

20.4.09

CIRCO DO SOL

Na cumbre dun volcán oculto na frondosidade dun bosque misterioso e máxico, existe un mundo extraordinario...un mundo onde algo completamente diferente é posible: un mundo chamado Varekai. É un lugar fabuloso habitado por criaturas fantásticas.
A palabra varekai significa "ondequeira" na linguaxe romaní dos xitanos, os eternos
nómadas.

Eu tiven a oportunidade de ir ver este espectáculo e quedeime marabillada: é unha conxución de acrobacias, bailes, poesía, música... e un vestiario impresionante. A música é en directo, cunha calidade e variedade de estilos que me deixou sorprendida.
Se algunha vez tendes a opción de ver calquer espectáculo non o dubidedes.
Este vídeo en concreto é o número final. Non é o meu preferido pero a vós vaivos gustar, penso eu.

3.4.09

CLEOPATRA STRATAN

Esta canción seguro que vos sona...foi un exitazo fai uns anos. Cleopatra é unha nena rumana que contaba con catro aniños cando conseguiu liderar vendas de discos e descargas co seu tema "Guita".
Por unha banda é ben certo que resulta cando menos simpático vela...e escoitala, pero ao millor deberiamos reflexionar sobre se é "ético", ou incluso razonable, que unha nena desta idade sexa arrastrada a facer unha serie de cousas que van perturbar por completo a súa infancia. Polo que lin, ofreceu espectáculos de dúas horas, e por tal motivo o seu pai reclamaba que fose incluida no Libro Guinness.

A vós gustaríavos vivir algo así?
Pois nada, que agardo ansiosa a vosa opinión, nesta semaniña de lecer e tempo libre...

26.3.09

TROMENTELOS CHIS PUM

Preguntarédesvos que é isto...
Tromentelos Chis Pum somos un grupo de amigos e amigas que nos xuntamos e FACEMOS MÚSICA. Comezamos hai darredor dun ano, e este vídeo é do noso primeiro concerto, o pasado agosto, en Melide. Como é de supoñer debutamos na nosa casa, pois en Melide temos o noso lugar de ensaio, e os nosos fans :-)
Somos da comarca da Terra de Melide: Toques, Melide e Santiso (a miña terra), de Arzúa e de Agolada.
Como podedes ver, contamos cunha variedade interesante de instrumentos: gaitas, acordeón, contrabaixo, clarinete, saxo e percusións.
Este tema é unha rumba, chamada Rumba das sete e media. Agardo que vos guste!!!!!!

20.3.09

FORD FOCUS

Na páxina do Ford Focus, á esquerda, podedes ver unha clave de Sol.
Ao pinchar, desplégase unha ventá coas pistas de audio do anuncio, coas que xogar misturándoas e combinándoas ao voso antollo. Eu probei e encantoume. Podedes observar como na música, para que soe "o todo" que nós escoitamos, cada un cumpre un papel imprescindible.

16.3.09

MÚSICA NA PUBLICIDADE

Imaxino que lembraredes anuncios tan orixinais como o do Ford Focus, no que a música xoga un papel fundamental; de feito o eslogan é "O instrumento perfecto".
Neste caso que vos quero mostrar, trátase da interpretación do primeiro movemento da "Pequena serenata nocturna" de Mozart, con obxectos que se poden topar nunha oficina.



13.3.09

VÍDEO DO DÍA DA PAZ

Custoume o seu pero ao fin tendes o vídeo do noso baile do Día da Paz.
Posto que non teño as autorizacións de tod@s vós non podo poñelo aquí, así que tendes que visitar a revista do colexio. Se pinchades no título xa está o enlace ao artigo.

É estupendo vervos bailar así de ben, e eses abrazos e bicos... QUE FEITIÑ@S!!
Espero que vos guste!

12.3.09

FACER MÚSICA CON TRES ANOS!!!

Cústame crer que esto non sexa outra animación... pero non o é!!
Ten tres aniños, e polo que se ve moito talento.

O QUE SE PODE FACER CUNHAS COPAS...

Lembrades a harmónica de cristal?
Pois nestes vídeos podedes ver o que se pode facer coas copas de cristal que tod@s temos pola casa...é fascinante!!
Preguntarédesvos por que soan de distinto xeito unhas das outras; pois ben, están minuciosamente afinadas dependendo, obviamente, da cantidade de auga que conteñen así como do seu tamaño.
Encantaríame recomendarvos que probarades na casa...pero ao millor aos vosos pais non lle parece tan estupendo :-)
A música obtida de instrumentos de cristal dise que se remonta á Antigua China. Pero non foi até o século XVIII, coa invención da harmónica de cristal como unha solución mecánica ao rudimentario modo de tocar as copas, cando obtivo certa sona. Compositores da talla de Glück, Beethoven ou Mozart compuxeron para a mesma.

Este é o mesmo tema que escoitaramos coa harmónica de cristal, para que comparedes as dúas sonoridades.

Este último é un dúo...pero que fenómenos!!como imaxinaredes, necesítanse moitas horas de ensaio para chegar a facer isto, pero nada é imposible con traballo...

Xa sabedes, dádelle á frautiña!!!!

BRANCA E BRANQUIÑA

Nesta magnífica páxina da Asociación Pedagóxica e Cultural Gamelán, atopamos este conto musical que nos presenta algunhas figuras musicais, e diversas actividades pra facer a partir del.

Souben dela a través de Sebas, ao que aproveito pra darlle as grazas.

Pinchade en Branca e branquiña e xa me contaredes que vos parece.

10.3.09

UNHA DE MONOS

Non é para pasar moito tempo, pois ao millor resulta repetitivo, pero ten a súa gracia. Tendes que escoitar o ritmo que toca nos bongós o da esquerda, repetilo no da dereita e as monadas estas daranvos a noraboa...ou non. Van incrementando a dificultade segundo o fagades.

7.3.09

XOGAMOS?

Nesta páxina ides atopar unha serie de actividades relacionadas coa música, tales como audicións de sons, información de instrumentos, obras, compositores...tanto para os máis pequech@s(hai actividades de puzzles...) como para os grandiñ@s.

2.3.09

ARPA DE AUGA

Novamente achégovos un vídeo de animación. Neste caso trátase dunha "arpa de auga".

INSTRUMENTO FANTÁSTICO II

Vendo o éxito que suscitou esta entrada (cousa coa que contaba, claro) púxenme a buscar e topei outro par de vídeos que non lembraba ter visto.

Este é máis relaxadiño, pero igual de bonito, ou non?

Comeza coma o que xa coñeciamos pero ten un minuto e medio máis (o meu preferido)

Teño que aclararvos que vai ser difícil mercar estes instrumentos...mantíveno en segredo porque paréceme que vos vai disgustar que sexa de "mentira". Son o produto dunha compañía chamada Animusic, que crea animacións musicais en 3D.
Pero non por elo perde interese, penso eu, porque están realmente moi logradas.

Aproveito esta entrada para agradecer os vosos últimos comentarios. Alédame moito que haxa novas incorporacións ao NOSO Blog.

20.2.09

A VACA MARELA

Prometín xa hai unha semán (perdoa a tardanza, Sara) facer unha entradiña adicada á vaca marela, canción que acadou grandes éxitos entre @s cativos de Educación Infantil.

Eu coñezo unha versión, non sei ben por que, pero hai outras, como a editada no Cd de Pelo Gato 24.




A letra é esta:
Eu teño unha vaca marela
que é o demo a condenada,
presume de vaca moderna
e non quere traballar.
(bis)
Ela canta, con acento
de mulata brasileira,
hai que vela, como move,
as cadeiras ao andar.
(bis)
Puxo a permanente no rabo
e deulle esmalte aos cornos,
ela dí que quere mercar
unhas medias de cristal.
(bis)
Ela canta, con acento
de mulata brasileira,
hai que vela, como move,
as cadeiras ao andar.
(bis)
Nin dá leite nin dá nada
dá patadas á canada,
a herba xa non lle vai
quere palla integral.
(bis)
Ela canta, con acento
de mulata brasileira,
hai que vela, como move,
as cadeiras ao andar.
(bis)


17.2.09

DANZA DA FADA DO AZUCRE

Relacionada coa entrada anterior, nesta tedes varios enlaces a vídeos sobre a Danza da Fada de Azucre.




http://www.youtube.com/watch?v=yR3XYpB5w0U

HARMÓNICA DE CRISTAL

Este instrumento, como algún outro que vimos, coido que vos vai deixar coa boca aberta. Funciona dun xeito similar a unha vella máquina de coser (ao millor hai pola casa dos avós algunha...), cun eixo que se vai facendo xirar e cuns pratos de cristal que ao entrar en contacto cos dedos, húmidos, soan. Fascinante, non??!!
Este tema é a famosa Danza da Fada do Azucre, do ballet "El Cascanueces" (parecíame moi rebuscado pór Quebranoces, non sei se o recoñeceriades...) de Chaikovski, baseado no conto El cascanueces y el rey de los ratones de Ernst Theodor Amadeus Hoffmann. Chaikovski nun primeiro momento escribiu a danza para este instrumento, pero posteriormente trocouno pola celesta.

SINFONÍA DO NOVO MUNDO

Xa anteriormente fixen unha entrada sobre esta obra, que está na etiqueta de audicións. Pero volto agora con ela porque estes días estivemos escoitando, na clase de música, o segundo movemento, o largo.
Posto que á maioría nos costaba bastante distinguir o son dos instrumentos, anímovos a que miredes (e escoitedes) este vídeo, que é estupendo posto que vai enfocando o instrumento/s que están a intervir en cada momento.

O director é Herbert von Karajan, un dos directores de orquestra máis famosos do século XX, á fronte da Orquestra Filarmónica de Viena.

5.2.09

MUSEO VIRTUAL DE INSTRUMENTOS


Dando un paseo polas páxinas que ten enlazadas a miña boa amiga Irene (musicaporuntubo), atopei un museo fantástico. Nel podedes ver moitísimos instrumentos, clasificados por orde alfabética, ler un chisco da súa historia e o que máis vos vai gustar, penso eu: escoitar como soan (facendo click en Archivo Sonoro).

4.2.09

NINA SIMONE


Este vídeo facilitoumo Elena Ramos (á que aproveito para agradecerlle o seguimento que fai do meu blog) e paréceme que pode gustarvos... .Vai tamén para as mamás e os papás que coñecen a Nina Simone e este gran tema seu, My baby yust cares for me

A compañía Aardman Animations fundouse no Reino Unido nos anos 70. Ao longo deste tempo levaron varios Oscar tanto por curtas como por largometraxes (Chicken Run) que seguro coñecedes.

28.1.09

TEMOS UN NOVO BLOG!!

Esta mañá déronme unha moi boa nova: Claudia e Miguel, alumn@s de quinto, fixeron un blog: http://www.musicablogparatodos.blogspot.com/
A ver se contaxian a alguén máis por aí... e o CEIP Emilia Pardo Bazán se coñece como o cole bloggueiro.
Pois nada, aconséllovos a tod@s que sigades de preto este blog, que sen dúbida nos vai mostrar cousas marabillosas (índa que xa vin por aí un vídeo de mestr@s con moi pouca vergoña...bailando, ou máis ben tentándoo).

26.1.09

BAILAMOS?



Como ben sabedes, (porque o sabedes, ou non?) o vindeiro venres, día 30 de marzo, conmémorase O DÍA ESCOLAR POLA PAZ.
O certo é que nós non podemos facer gran cousa para que no mundo a xente deixe de facerse dano unha a outra... ou si?
Os cativos e cativas de Infantil, tod@s xuntiños, imos danzar con este xogo tradicional. Chámase Don Melitón, e saqueina dun libro fantástico, que aproveito para recomendarvos: PARA CANTAR E BAILAR.
Repartiremos apertas e biquiños sen descanso; ao millor está ben comezar por aí...


20.1.09

FESTIVAL DE NADAL

Xa non contabades con velos, non?
É unha mágoa que a calidade do son é bastante deficiente, pero quenes vos escoitamos en directo ben sabemos que soaba moitísimo millor.
Este é o vídeo do festival do primeiro día, o que puiden rescatar. Coido que na actuación do segundo había menos nervos e máis seguridade...tentarei colgala nesta semán.