29.4.09

LETRAS GALEGAS

Con motivo do día das Letras Galegas, que como ben sabedes son o dezasete de maio, imos preparar algo aqueles que estedes dispostos a sacrificar catro ou cinco recreos.
Penso que vos vai gustar a proposta...
Aquí tedes o audio do rap dun grupo chamado Dios ke te crew, que musicaron un poema da obra Longa noite de pedra de
Celso Emilio Ferreiro. Tamén vos poño a letra e así podédela ir mirando...

Deitado frente ao mar
Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque quero,
porque me gosta, me peta e dáme a gaña;
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai, a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
E non falo pra os soberbios,
e non falo pra os ruís e poderosos,
e non falo pra os finchados,
e non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non quero arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo,
Galicia, dóce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

No hay comentarios: